Estudos de caso do proxecto de erradicación do infanticidio feminino en Salem



Kala e Shanti

grupo de aforro sri ayappan


Kala, Shanti (ambas as dúas na foto) e a súa compañeira de grupo de aforro, Maliga, recibiron un crédito do proxecto a través do programa de xeración de ingresos para poñer en marcha entre as tres un negocio de xastrería no que cosen blusas e venden saris na súa aldea. Kala é viúva e Shanti e Maliga son nais de nenas. O negocio permítelles gañar a cada unha 200 Rs (3 euros) ao día que as elevan por fin por enriba do nivel da pobreza dun euro ao día.

 

O grupo de aforro Sri Ayappan de Edappadi

grupo de aforro sri ayappan


As 12 integrantes deste grupo aforran cada unha 50 rupias cada mes (90 céntimos de euro). Comezaron o grupo hai dous meses pero xa foron capaces de tomar crédito do fondo común, qe ascende a 12.000 rupias (214 euros). Algunhas das súas integrantes recibiron tamén capacitación laboral e sesións de sensibilización sobre o xénero. Unha das sesións foi organizada coa activista Kutti Revathi hai seis meses. A escritora feminista insistiu na necesidade de que as mozas estudasen e tivesen un traballo nunha aldea onde o abandonado escolar era o habitual. Seis meses despois a voz do grupo é firme: as súas fillas deben recibir unha educación. Entre todas, ademais, están dispostas a traballar coa súa comunidade en contra do infanticidio, reforzando ás traballadoras, todas xuntas, naqueles casos difíciles, naqueles fogares onde saben que unha nena aínda non é benvida.

 

Devan

grupo de aforro sri ayappan


“As miñas fillas son agora para min máis valiosas có ouro”. Así describe Devan, de 22 anos e mai de dúas nenas o cambio que o proxecto produciu na súa vida. Antes de que as traballadoras entrasen na súa vida, ela quería tamén ter un fillo e cedía ás presións do seu home e da súa sogra para tentalo. O seu home adoitaba maltratala por non producir un fillo. Pero a animadora, Saritha, e a traballadora social Bhanumathi comezaron a falar con ela, co seu home e a súa familia para cambiar a súa opinión. A Devan, que a casaron cando tiña 15 anos hai moitas cousas que xa non lle parecen aceptables. Quere as súas fillas e quere darlles unha boa educación, que sexan independentes. A súa sogra aínda non o entende e oponse a que se someta a unha ligadura de trompas, algo que Devan desexa. Entrementres, decidiu tomar anticonceptivos porque ten claro que non quere ter máis crianzas co único obxectivo de que unha delas sexa un varón. Devan conta como a obra de teatro que se representou na aldea axudou a que houbese debate, a que a xente falase e a que mulleres coma ela puidesen por fin ter voz. “Todo isto deume valor. Eu son unha muller, se eu nacín, crecín e estou viva, como non vou traballar para que outras mulleres tamén vivan?”

 

 

Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.com | info@implicadas.com | 886 111 911