Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem


mapa dos distritos de támil nadu  
   

Implicadas no Desenvolvemento traballa en Támil Nadu dende a súa fundación en 1998. No ano 2005, a raíz da tsunami que arrasou as costas do estado indio o 26 de decembro de 2004, ampliou o seu traballo ao distrito costeiro de Karaikal. Estas intervencións afianzaron a experiencia e tamén a boa cooperación coa nosa organización socia en Támil Nadu, People's Development Initiatives. Isto levou a que no ano 2007 Implicadas decidise comezar o proxecto de Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem, distrito onde PDI levaba xa uns anos traballando coa comunidade transexual na prevención da SIDA/VIH, o cal nos proporcionou un bo punto de entrada para obter información respecto dun tema sobre o que pesaba o máis grave dos silencios.

Implicadas e PDI seleccionaron 4 bloques (divisións administrativas dos distritos) de especial incidencia do infanticidio (Tharamangalam, Ommalur, Edappadi e Konganapuram) dentro do distrito de Salem onde vive unha poboación de máis de 200.000 persoas. A diferenza doutras intervencións, Implicadas entende que cómpre ir ás raíces dos problemas e que o infanticidio non pode resolverse en illamento, senón como parte da discriminación e violencia contra as mulleres máis xeral. Por iso o noso traballo incide en todos os aspectos que teñen que ver coa igualdade: aspectos económicos, patróns de xénero, respecto dos dereitos das mulleres.

Apoio ás mulleres embarazadas
O programa inclúe unha liña de traballo de asesoramento e seguimento das mulleres embarazadas e as súas familias. As oito traballadoras de base do proxecto percorren cada día as aldeas e identifican as mulleres embarazadas, ás que visitan con regularidade para comentar aspectos relativos a cuestións sanitarias propias da xestación e a maternidade, pero sobre todo cuestións relativas ao xénero. Durante estes tres anos, o proxecto identificou 10.626 mulleres embarazadas. Ademais, aquelas que están en situación de alto risco de infanticidio, é dicir, aquelas que teñen máis dunha nena ou aqueles casos nos que elas ou a familia insisten en seguir tendo crianzas para obter un varón, pasan ás mans das dúas traballadoras sociais que fan un traballo de asesoramento máis intenso. Durante polo menos 18 meses, as nais de nenas continúan recibindo as visitas do persoal para asegurar a vida das meniñas. Na actualidade, o proxecto atende ata un total de 876 mulleres nesta situación.

  apoio ás mulleres embarazadas
  O proxecto identificou 10.626 embarazadas

Cambiar os patróns da discriminación
Este traballo, inxente e exitoso, non fai que esquezamos o fundamental: que é necesario cambiar as percepcións de xénero da comunidade ao completo. Por iso se fixeron representacións de rúa utilizando monicreques, a música e o teatro para provocar un diálogo dentro da comunidade e das familias sobre os temas que trata o proxecto e reforzar aquelas mensaxes sobre a igualdade e os dereitos das mulleres que xa existan na comunidade. A estas obras de teatro de rúa asistiron máis de 30.000 persoas de todas as idades e ambos sexos.

Oportunidades para a independencia económica das mulleres
O respecto polos dereitos das mulleres pasa tamén por cuestións de tipo económico e para tratalas, o proxecto puxo en marcha 60 grupos de aforro nos que na actualidade participan 752 mulleres. Cada grupo de aforro está conformado por entre 12 e 15 mulleres que de xeito autónomo comezan a reunirse de forma mensual e a aforrar, creando un fondo común que lles servirá como reserva para obter crédito. Deste xeito, facendo forza común, poden aforrar cantidades que lles resultarían inalcanzables por elas mesmas e que lles permiten asumir proxectos persoais, sexan microempresas, custos de formación (propios ou das crianzas) ou asumir gastos domésticos ou médicos que doutro xeito non poderían afrontar. Os créditos devólvense nos prazos e cos xuros que elas mesmas fixan. Neste momento, as mulleres do proxecto aforraron, de forma autónoma, uns 9.570 euros (555.119 Rupias), unha cantidade enorme se temos en conta que os ingresos medios da poboación coa que se traballa no proxecto non adoitan acadar os 20 euros.

O proxecto proporcionou tamén capacitación laboral en temas como a preparación de produtos alimenticios, fabricación de compresas hixiénicas, fabricación de produtos de limpeza, etc que axudan a que as mulleres poñan en marcha os seus propios negocios.

Os grupos reforzan tamén unha mensaxe fundamental: a da solidariedade e o apoio entre as mulleres. O proxecto inclúe ademais un Centro de Atención ás Mulleres onde un avogado e unha activista feminista proporcionan apoio legal ás mulleres que o precisen. Ata 2009, 164 mulleres puideron resolver cuestións de maltrato, acceso á herdanza, abandono marital e outros problemas graves. Ademais, lanzáronse campañas nas aldeas para que as mulleres coñezan o marco legal e os seus dereitos. A activista e poeta feminista Kutti Revathi foi a encargada de parte das campañas que tiveron un fondo efecto nas mulleres.

grupo de mozas e mozos


Mellorar a autoestima de nenas e mozas

Recibir dende que unha é pequena a mensaxe de que non a queren resulta o primeiro paso da discriminación. As nenas e mozas crecen cunha baixa autoestima e por iso o proxecto organizou unha serie de cursos de capacidades para a vida, onde as mozas e tamén os mozos poidan aprender nun entorno mixto a relacionarse, a resolver conflitos, a comunicarse e a facer oír a súa voz. Nesta actividade participaron ata o momento 1685 (842 mozas e 843 mozos).


Grazas a todos estes procesos conseguimos que nos últimos tres anos 983 nenas nacesen en Salem. Destas só 29 foron dadas en adopción. As restantes 954 viven coas súas familias. Agora precisamos que 200 persoas nos axuden a continuar o traballo.



Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.com | info@implicadas.com | 886 111 911