Se non che quedou clara algunha cousa, non dubides en escribirnos a info@200 implicadas, contestarémosche e ampliaremos a sección.
mapa da prevalencia infanticidio na India  
Na actualidade, o infanticidio feminino (así como o feticidio) persiste case de xeito exclusivo en China e na India. Resulta complicado ofrecer cifras exactas e fidedignas, pois moitos casos non se chegan a coñecer nunca, pero si se coñecen os estados nos que a relación entre o número de mulleres e homes se ten reducido máis drásticamente nos últimos anos. A lista estaría encabezada por Himachal Pradesh, Delhi, Chandigarh, Gujarat e, en especial, Punjab e Hariana. En Támil Nadu a práctica está erradicada en moitos distritos, pero aínda se dá nalgúns deles, como o de Salem, onde Implicadas desenvolve o seu traballo xunto coa súa contraparte, PDI.

Para responder a esta pregunta, cómpre diferenciar o infanticidio e o feticidio. O primeiro dáse sobre todo nas zonas rurais, nas que hai pouca ou ningunha dispoñibilidade de medios para realizar ecografías, polo que as familias non poden saber ata o momento do nacemento se se trata dunha nena ou un neno. O segundo é máis habitual nas zonas urbanas, en especial en familias de nivel cultural e económico medio, onde é doado coñecer o sexo antes do parto, evitando así o risco de cárcere por medio dun "aborto selectivo". Cómpre salientar que na India está prohibido desvelar o sexo do feto ás familias, pero os subornos (en especial en clínicas privadas) están á orde do día. Por suposto, moitos deses abortos realízanse nun avanzado estado de xestación e son ilegais.

Estes datos son importantes para desmontar outro dos mitos e falsas explicacións que rodean a estas prácticas, a súa asociación coa pobreza e temas económicos (como o dote e o custo das vodas), xa que as estatísticas amosan que Punjab e Haryana, os estados nos que o ratio entre sexos se atopa máis desequilibrado, teñen o nivel de rendas máis elevado da India.

Implicadas, xunto coa súa contraparte (People's Development Inciatives, PDI) desenvolve no distrito de Salem (Támil Nadu) un proxecto para a erradicación do infanticidio feminino. Este proxecto abrangue catro bloques (divisións administrativas dos distritos), cunha poboación de máis de 200.000 persoas, e está baseado en campañas para o dos patróns de discriminación na poboación ao completo e no empoderamento das mulleres, tanto económico como persoal e social.

Para coñecer máis detalles sobre o traballo de Implicadas neste eido, visita a sección "O noso proxecto", onde atoparás datos detallados ao respecto.

Tanto o goberno central como os dos estados dispoñen de programas para a erradicación desta práctica. O estado de Támil Nadu, no que traballan Implicadas e a súa contraparte, PDI, conta co seu propio plan, que se basea nas seguintes liñas de actuación:

  • Promover a escolarización cando menos ata un nivel medio.
  • Fomentar que os matrimonios non se realicen nunca antes dos 18 anos.
  • Motivar ás familias ao uso de métodos anticonceptivos temporais (preservativos) ou definitivos (esterilización cirúrxica).
  • Protexer os dereitos das nenas e proporcionarlles empoderamento social e económico.
  • Eliminar actitudes e prácticas culturais negativas.
  • Fortalecer o papel da familia na mellora do estatus das nenas.
  • Crear discriminación positiva para nenas orfas e con discapacidade.

A sociedade civil tamén conta cos seus propios movementos contra o infanticidio, en especial entre as organizacións de corte feminista, que levan dende os anos 90 loitando de xeito moi activo para erradicar o infanticidio. Na sección "Activistas" poderás coñecer algunhas das mulleres que están traballando neste campo en Támil Nadu.

.
Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.com | info@implicadas.com | 886 111 911