Que é o infanticidio feminino?



imaxe de pintada contra o feticidio feminino  
"Ninguén ten dereito a abortar un feto porque sexa do sexo feminino"
 

O infanticidio feminino é unha práctica que consiste en matar ás nenas que acaban de nacer ou ben mesmo abortar os fetos femininos (feticidio feminino) debido ao baixo valor que as mulleres teñen nunha sociedade dada. A preferencia por ter un fillo xustifícase de moitas maneiras e está afianzada noutro tipo de prácticas discriminatorias. No caso da India adoita argumentarse que son os fillos os que van coidar das familias, que as mozas cando casan van vivir coa familia do marido (e polo tanto son un investimento nulo) ou que implican, sobre todo no caso das castas altas, gastos gravosos para a familia debido á tradición do dote, pola cal a familia da moza debe pagar á do mozo para arranxar o matrimonio. Como podemos ver, todas estas razóns están asentadas nunha consideración das mulleres como seres dependentes e sen valor dentro da sociedade. As mulleres son as primeiras en interiorizar estes valores e chegan a sentir odio cara ás súas fillas, dado que é o feito de parir un varón o que lles outorga prestixio social. Moitas mulleres son abandonadas se non paren un fillo e considérase un fracaso social que “produzan” nenas. A consideración social tan baixa das mulleres leva a que elas, as súas familias ou persoas próximas, maten ás nenas ou que as deixen morrer de inanición.

O infanticidio feminino é a expresión máis extrema da desigualdade de xénero, na que se combina unha visión das mulleres como entes dependentes, a incapacidade de tomar decisións sobre o seu propio corpo e sexualidade e a propagación dunha cultura de culto ao varón extrema. Na India acontece só nalgunhas zonas concretas, concentradas sobre todo no Norte e en certas zonas dos estados de Támil Nadu, aínda que o feticidio semella estar moito máis extendido e fai que para todo o país a pirámide de sexos (pola cal hai máis mulleres ca homes) estea invertida. O distrito de Salem, onde traballa Implicadas no Desenvolvemento coa organización támil PDI, é un dos máis afectados do país. Aínda que as cifras oficiais falan de 925 nenas fronte a 1000 nenos nacidos cada ano, calcúlase que en realidade en Salem cada ano morren ou deixan de nacer 200 nenas. Mesmo establecer os cálculos é complicado dado que as familias buscan por todas as vías escapar aos rexistros gobernamentais, de aí o alto número de partos na casa e a falta de seguimento sanitario dos embarazos en xeral. Existe tamén unha falta de interese das autoridades en visibilizar o problema, dado que prefiren finxir avances que non se producen.

Na India, o infanticidio está fortemente penado, aínda que estas medidas deron poucos resultados. Tamén está prohibido revelar o sexo do feto ás familias, aínda que hai clínicas que o fan se se paga o necesario. Son moitas as organizacións e activistas feministas que traballan para erradicar o infanticidio e moitas mulleres as que buscan ferramentas para non continuar con esta práctica, pero soas teñen moi complicado poderse enfrontar ao resto da comunidade. O traballo de Implicadas e PDI busca proporcionar un entorno onde se promova a igualdade entre homes e mulleres e se respecten os dereitos destas. O traballo de Implicadas e PDI é paso máis, forte e firme, nese camiño.

Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.com | info@implicadas.com | 886 111 911