Implicadas no Desenvolvemento


  logo implicadas
Implicadas é unha organización galega de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998 e que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable. Implicadas entende a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur e en concreto as mulleres poidan tomar decisións sobre as súas vidas. Así, Implicadas entende a pobreza como un problema político e polo tanto traballa na sensibilización e busca da participación da cidadanía galega na incidencia política, algo que promove a través de colaboracións co mundo da cultura, con asociacións feministas e grazas á súa base de voluntariado na que na actualidade traballan preto de 100 persoas. Por outra banda, Implicadas busca promover a participación da cidadanía do Sur e en particular das mulleres a través das súas organizacións propias na toma de decisións sobre a súa vida a nivel local e mundial. Así, Implicadas rematou con éxito 3 programas de cooperación no Sur da India (un en Andhra Pradesh e dous en Támil Nadu) e un en Etiopía, en North Wollo que melloraron a vida de máis de 22.600 persoas, a maioría mulleres, cun claro enfoque de xénero. Ademais, Implicadas promove intercambios de activistas e artistas dos países do Sur como no ciclo de conferencias Norte-Sur, Xénero no centro, o libro de poetas támiles e galegas Vanakkam-Benvidas e a visita do grupo de danza contemporánea etíope Adugna.

Implicadas conta cunha única persoa contratada en Galicia e en 2009 o seu orzamento foi de 143.823,83 euros, dos cales 49.045,09 son fondos propios, de cotas de persoas asociadas, actividades de recadación e venda de produtos e doazóns. mplicadas conta na actualidade con 80 socias e precisa aumentar en máis de 200 persoas a súa base para poder financiar de forma autónoma os seus proxectos.

Se queres coñecer máis sobre Implicadas e estar ao tanto das nosas novas, podes visitar a web e o blog da organización.
Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.com | info@implicadas.com | 886 111 911